Sunday 28 de April de 2024

A canteira da Orquestra Sinfónica de Galicia inicia o ano con dúas citas no Teatro Colón


Mañá, xoves 4 de xaneiro, terá lugar o concerto “Coros no Nadal” do Coro Infantil xunto co Coro Novo da OSG, ás 19.00 horas

A segunda cita será o “Concerto de Reis” a cargo da Orquestra Infantil, este venres 5 ás 13.00 horas

O Coro Infantil, o Coro Novo e a Orquestra Infantil da OSG poñen voz e música aos últimos días de Nadal con dúas importantes citas no Teatro Colón. As tres agrupacións conforman a canteira da Orquestra Sinfónica de Galicia así como a principal liña de actuación do Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, que ten como obxectivo formentar a formación musical desde as idades temperás.

O primeiro dos concertos, “Coros do nadal”, será mañá, xoves 4 de xaneiro, ás 19.00 horas no Teatro Colón. O Coro Infantil e o Coro Novo da OSG, a cargo de Sofía Rodríguez e Daniel Artés respectivamente, interpretarán temas de John Rutter, John Williams, Molfino e Mozart así como cancións populares galegas ou do Brasil.

A segunda e última cita será o “Concerto de Reis” a cargo da Orquestra Infantil da OSG, este venres 5 de xaneiro ás 13.00 horas. Os pequenos e pequenas deleitarán o público con melodías de George Friedrich Haendel, Johann Sebastian Bach ou J. Pierpoint baixo a batuta de Jorge Montes Música.

As entradas para cada concertó teñen un prezo de 5 euros e poden mercarse en liña a través de ataquilla.com así como no despacho de billetes da praza de Ourense, de luns a venres de 11.00 a 15.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas. Tamén se poderán retirar entradas o mesmo día do concerto no despacho de billetes do Teatro Colón, sempre e cando fiquen localidades dispoñibles.

A programación de ambos os concertos responden á estratexia do Goberno de Inés Rey para a promoción de novos talentos musicais da Coruña, mostrándolle ao público a tarefa divulgativa e formativa do Consorcio para a Promoción da Música.